RETO MENTE EN FORMA: “Fotografía de bodegón”
Ola, nenos e nenas de Zalaeta! Hoxe traémosvos un reto que seguro que vos vai gustar, pero primeiro ímosvos que explicar que é un bodegón.
Un bodegón é unha obra de arte que representa obxectos inanimados, xeralmente obxectos cotiás que poden ser naturais (froitas, flores, comida, plantas, rochas ou cunchas) ou feitos polo ser humano (utensilios de cociña, de mesa ou de casa, antigüidades, libros, xoias, moedas, pipas, etc.) nun espazo artificial determinado.
Seguro que tedes visto moitos bodegóns en cadros ou fotografías, xa que este xénero artístico é moi popular e ten séculos de historia.
Pois ben, hoxe propoñémosvos realizar unha fotografía de bodegón na vosa propia casa. Para iso podedes buscar máis imaxes de bodegóns, como a que vos deixamos por aquí, para coller ideas, e empregar as ferramentas necesarias que consideredes: utensilios de cociña, froita, comida, etc.
Tedes liberdade para realizar o bodegón co voso toque persoal, ao voso xeito, facer a fotografía e enviárnola! Queremos velas, seguro que o resultado será unha obra de arte!
RETO CORPO EN FORMA: “Como te chamas?”
Para mover o corpo hoxe temos un reto que vos fará mover o corpo e tamén vos fará pensar. Deberás facer o teu nome letra a letra empregando soamente o teu corpo para representalas graficamente. Para que poidamos ter o nome completo haberá que fotografar letra a letra. Deixámosche aquí algúns exemplos que che sirvan como punto de partida e de inspiración.
Tamén poderás contar coa colaboración dun familiar, seguro que o resultado será mellor e máis divertido! Así que adiante, dícidenos como vos chamades!
Ningún comentario:
Publicar un comentario