mércores, 6 de maio de 2020

Reto 20

RETO MENTE EN FORMA: "Acróstico de animais"

No reto de hoxe traémosvos un clásico xogo de palabras en forma de acróstico. Darémosvos a definición dos, en total, 11 animais que se atopan agochados, o número de letras que compoñen o nome e unha letra de cada, co cal xa vos damos moitas pistas para que os poidades adiviñar facilmente, pero... Seredes capaces?



  1. Mamífero carnívoro doméstico da familia dos cánidos, do que existen múltiples razas de características diversas e que, pola súa intelixencia e lealdade, é utilizado polo home na caza, para gardar rabaños, casas ou outras propiedades, así como para moitas outras funcións.
  2. Mamífero carnívoro da familia dos félidos, doméstico, de cabeza pequena e arredondada, ollos brillantes que se adaptan á visión nocturna, patas curtas con fortes uñas retráctiles, pelo mesto e suave, rabo longo, do que existen moitas razas.
  3. Mamífero de gran tamaño da orde dos perisodáctilos, do que existen varias especies que viven nas zonas quentes de África e de Asia, que se caracterizan por ter as patas curtas, a pel rugosa e dura e un ou dous cornos sobre o fociño.
  4. Réptil de gran tamaño, de patas curtas, fortes mandíbulas e o corpo cuberto de placas córneas e óseas, que ten costumes anfibios e vive á beira dos grandes ríos, lagos e marismas das zonas tropicais de África, Asia, América e Australia.
  5. Animal mamífero da orde dos proboscídeos, de gran tamaño, dotado de trompa e con dous incisivos extraordinariamente desenvolvidos do que existen dúas especies, a africana e a india.
  6. Réptil arborícola da familia dos camaleónidos, que vive en ambientes moi húmidos e cálidos, do cal existen varias especies e poden cambiar a pel de cor.
  7. Mamífero da suborde dos ruminantes, femia do boi, que se cría para aproveitarlle o leite, a carne e a pel.
  8. Réptil tropical da suborde dos saurios, que pode medir cerca de dous metros de longo, cunha gran papada e unha crista dentada polo lombo, da que existen diversas especies.
  9. Mamífero carnívoro salvaxe da familia dos cánidos, que se caracteriza por ter o fociño e as orellas afiadas e o rabo longo e peludo.
  10. Mamífero da familia dos équidos parecido ao cabalo, pero máis pequeno e coas orellas máis grandes, que se domestica facilmente e se utiliza desde antigo como animal de carga ou de tiro.
  11. Réptil sen patas da suborde dos ofidios, de corpo longo e cilíndrico e pel con escamas, do cal existen moitas especies de distintas cores e tamaños, algunhas das cales son velenosas.

Xa tedes todo o que precisades para resolver o acróstico do reto de hoxe. Agardamos as vosas respostas, queremos ver cantos animais dos once sodes capaces de acertar!




RETO CORPO EN FORMA: "Volvendo á calma"

O reto motriz de hoxe vai sobre unha parte moi importante dentro da actividade física, e que moitas veces pasamos por alto: trátase dos estiramentos. Ao igual que a parte do quentamento, ou a propia actividade física que vaiamos realizar, estirar os músculos é tamén unha parte indispensable despois de realizar exercicio, permitíndonos manter ou gañar flexibilidade, ter menos lesións musculares e permitir tamén que o corpo recupere mellor. No seguinte vídeo poderedes levar a cabo uns estiramentos moi sinxelos.



Agora tócavos a vós. Queremos ver como facedes os estiramentos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario