mércores, 13 de maio de 2020

Reto 23

RETO MENTE EN FORMA: "Adiós ríos, adiós fontes"

Moi boas a todos e todas! Este próximo domingo é 17 de maio, e como cada 17 de maio é o Día das Letras Galegas (se ben este ano debido á pandemia do coronavirus o acto terá lugar o 31 de outubro). E sabedes por que se celebra o 17 de maio e non outro día? Pois porque nesa mesma data en 1863 publicábase o famoso libro de Rosalía de Castro ‘Cantares Gallegos’. Un dos poemas máis famosos desa obra titúlase “Adiós ríos, adiós fontes”, que seguro coñecedes, e comeza así: 


"Adiós ríos, adiós fontes
Adiós regatos pequenos
Adiós vista dos meus ollos
Non sei cando nos veremos"

Pois ben, o reto de hoxe consiste en realizar unha estrofa de catro versos, como esta de Rosalía, en galego. Podedes inspirarvos na temática que queirades, e tamén teredes liberdade para facer as rimas ao voso xeito, por suposto. Se estades moi inspirados, tamén podedes enviarnos un debuxo que acompañe ao poema! 




RETO CORPO EN FORMA: "Bola de lume"

No reto de hoxe precisaredes a colaboración de todos os membros da casa, no corredor ou no salón, onde teñades máis espazo. Teredes que colocarvos en fila, un detrás de outro, e deberedes pasar a pelota por debaixo das pernas á persoa que tedes detrás. Unha vez pasada a pelota, vos colocaredes no último lugar da fila, e así sucesivamente. Cando cheguedes á parede, deberedes pasarvos a pelota por riba e cara diante, colocándovos no primeiro posto da fila cada vez que a pasedes. 



Con ollo e con ganas seguro que saen cousas moi chulas, por iso agardamos os vosos vídeos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario